Arteixo volve vibrar cunha edición multitudinaria da súa carreira popular

Mai 05, 2026

A XXVI Carreira Popular do Concello de Arteixo roza os 600 chegados na proba absoluta e consolida a participación feminina

A Carreira Popular do Concello de Arteixo volveu converterse nunha gran festa do deporte na súa XXVI edición, celebrada o pasado 1 de maio, cun ambiente excepcional e unha resposta masiva da cidadanía que levou a esgotar os 1.500 dorsais dispoñibles varios días antes da proba.

A xornada desenvolveuse con total normalidade, cunha elevada participación en todas as categorías e unha notable presenza de público ao longo do percorrido e na contorna do Pazo dos Deportes, epicentro da actividade.

Na carreira absoluta, de 11,7 quilómetros, o triunfo foi para Mikel Ocerín Vázquez, que se impuxo cun tempo de 00:39:24, por diante de David Alonso Nogueira (00:40:28) e Alejandro Serrano (00:40:40), nunha proba marcada por un alto nivel competitivo desde os primeiros metros.

Na categoría feminina, a vitoria foi para Penélope Martínez Justo, que logra así o seu segundo triunfo consecutivo en Arteixo, cun tempo de 00:47:40. Completaron o podio Lucía Fariña Díaz (00:48:12) e Julia López Rebollido (00:49:25), nunha carreira moi disputada.

Un dos datos máis destacados desta edición foi o avance da participación feminina, que se situou preto do 40% do total de inscritos, unha cifra que confirma a evolución positiva da presenza de mulleres na proba e que supón un dos grandes éxitos organizativos deste ano.

A carreira absoluta contou con unha participación moi elevada, con preto de 600 corredores e corredoras chegados a meta, mentres que nas categorías inferiores se volveu rexistrar unha gran afluencia, especialmente nas probas de menores, que converteron a mañá nun auténtico evento familiar.

Precisamente, as categorías de base volveron ser un dos sinais de identidade da carreira, cunha organización coidada e unha alta participación en todas as idades, reforzando o papel da proba como porta de entrada ao deporte para as novas xeracións.

Outro dos aspectos máis valorados foi o correcto funcionamento do dispositivo organizativo, coa implicación dos clubs locais, o voluntariado e os servizos de seguridade, que permitiron que a carreira se desenvolvese sen incidencias.

A Carreira Popular de Arteixo consolídase así como unha das citas máis destacadas do calendario galego, mantendo o seu carácter gratuíto, inclusivo e aberto a toda a cidadanía, e demostrando que o deporte pode ser un verdadeiro motor de comunidade.

Un ano máis, Arteixo correu xunto.