A festa do deporte comeza cos máis pequenos: os circuitos de menores na Carreira Popular de Arteixo

Abr 25, 2025

A Carreira Popular de Arteixo celebra o seu 25 aniversario cunha programación que aposta polo deporte base. Os circuitos de menores, con distancias adaptadas por idade, converterán a mañá do 1 de maio nun evento familiar e educativo, onde a participación e a ilusión serán as grandes protagonistas.

O deporte é para todos, e en Arteixo sábeno ben. A tradicional Carreira Popular, que este ano celebra as súas bodas de prata, arrancará o 1 de maio cos circuitos destinados aos máis novos, que este ano estrean unha novidade importante: os nenos e nenas nados dende 2022 poderán participar, ampliando así o acceso á proba prebenxamín a rapazada que cumpre  3 anos en 2025.

Todas as categorías contarán con distancias adaptadas ás idades dos participantes, garantindo unha experiencia segura, divertida e motivadora para os futuros atletas. Estes serán os horarios e percorridos:

  • ? 10:00 h – PREBENXAMÍN (2018-2022): 200 metros Enlace Race Map
  • ? 10:30 h – BENXAMÍN (2016-2017) e ALEVÍN (2014-2015): 800 metros Enlace Race Map
  • ? 10:45 h – INFANTIL (2012-2013): 1600 metros Enlace Race Map
  • ? 11:00 h – CADETE (2010-2011) e XUVENIL (2008-2009): 2800 metros Enlace Race Map
  • ? 11:05 h – CATEGORÍA ESPECIAL (2020 e anteriores): 200 metros Enlace Race Map

Un dos momentos máis entrañables da xornada será a entrega das medallas conmemorativas do 25 aniversario a todos os participantes das categorías prebenxamín, benxamín, alevín e especial, como recoñecemento ao seu esforzo e entusiasmo. As medallas, deseñadas especialmente para esta edición histórica, gardarán para moitos e moitas o recordo da súa primeira carreira. Asimesmo, os tres primeiros e primeiras das categorías benxamín, alevín, infantil, cadete e xuvenil recibirán o seu trofeo na ceremonia que terá lugar no interior do Pazo arredor das 11:50

A organización quere subliñar o carácter integrador do evento, onde o deporte é unha ferramenta para educar en valores como o compañeirismo, a superación e a participación. Con estas probas, a Carreira Popular de Arteixo segue a apostar por un modelo de evento familiar, saudable e aberto a todas as idades.

A cita será o 1 de maio, e como cada ano, o deporte será o mellor motivo para celebrar en comunidade.