Abr 21, 2025
Arteixo agradece a entrega dos seus clubs e entidades colaboradoras na XXV Carreira Popular
Sen voluntarios non hai carreira. Esta é unha das máximas que se repiten ano tras ano nas probas populares, e en especial na Carreira Popular do Concello de Arteixo, que celebra este 1 de maio o seu 25 aniversario. Un cuarto de século correndo xuntos, grazas tamén ao esforzo desinteresado de persoas e entidades que poñen o seu tempo e enerxía ao servizo da comunidade.
A organización da carreira quere poñer en valor o papel clave do voluntariado, un engranaxe esencial para que cada edición transcorra con seguridade, entusiasmo e espírito deportivo. Na pasada edición de 2024, preto de 80 persoas colaboraron en tarefas de control de circuíto, entrega de dorsais, avituallamento, animación, apoio sanitario e loxística.
Neste labor colectivo destacan entidades que representan o mellor do tecido asociativo e deportivo de Arteixo. O Agrupación Deportiva Jarnachas, referente no sendeirismo local, presta apoio fundamental no control de percorrido. O Club de Running Arteixo, formado por corredores e corredoras apaixonadas, está presente tanto na organización como na animación da zona de saída e meta. O Club Deportivo Fervello, sempre creativo e entusiasta, colabora na dinamización do evento, sobre todo co público máis novo. O Club Ciclista MB3 Arteixo, expertos en percorridos e apoio sobre dúas rodas, garanten a supervisión do trazado e a resposta rápida ante calquera incidencia. A Agrupación de Protección Civil de Arteixo completa este equipo coa súa experiencia e discreción, garantindo a seguridade de participantes e espectadores en coordinación cos corpos de seguridade.
Unha mención especial merece tamén o Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia, que achega un equipo profesional ao servizo post-carrera, combinando a presenza de fisioterapeutas titulados coa de estudantes en prácticas, que atopan aquí unha oportunidade única de experiencia real ao tempo que contribúen ao benestar dos corredores.
A organización da carreira non só recoñece o seu labor, senón que invita a toda a cidadanía a aplaudilos o día da proba, porque sen eles non sería posible seguir correndo 25 anos despois. A súa entrega, a súa alegría e o seu sentido de comunidade fan que a Carreira Popular de Arteixo sexa moito máis ca unha competición: é un reflexo do mellor de nós.
Grazas, voluntariado. Grazas, clubs. Grazas, Arteixo.