A carreira de Arteixo, un evento para todos

Abr 15, 2025

O próximo 1 de maio, Arteixo volverá a converterse no epicentro do deporte popular galego coa celebración da XXV Carreira Popular do Concello de Arteixo, unha edición moi especial que conmemora os 25 anos dunha cita xa imprescindible no calendario deportivo.

Lonxe de ser unha proba reservada a atletas experimentados, a Carreira de Arteixo é un evento pensado para todos: nenos e nenas desde os 3 anos, familias enteiras, corredores habituais e tamén aqueles que se achegan por primeira vez ao mundo do running.

Desde as 10:00 da mañá, as rúas do municipio encheranse de entusiasmo coa celebración das carreiras infantís, con distancias adaptadas segundo a idade e, como gran novidade este ano, a ampliación da participación á rapazada nacida no 2022, que poderán compartir cos seus familiares os seus primeiros pasos nunha proba oficial.

Ás 11:45 horas será a quenda da proba absoluta, cun percorrido de 11,7 quilómetros que mestura tramos urbanos con zonas máis abertas, ofrecendo unha experiencia completa tanto a nivel deportivo como paisaxístico. A saída e chegada terán lugar na contorna do Pazo dos Deportes de Arteixo, que se vestirá de gala para esta ocasión histórica.

Durante toda a mañá, o ambiente completarase con actividades de dinamización pensadas para todas as idades, circuito de karts  a pedales, xogos tradicionáis, iniciación atlética e a presenza do speaker Xalo Maira, que converterá a proba nun auténtico espectáculo deportivo e festivo.

Con inscricións totalmente gratuítas e dispoñibles ata o 24 de abril na súa web oficial, a proba mantén o seu compromiso coa saúde, o deporte en familia e a cohesión social. A cita conta, ademais, cun amplo dispositivo técnico, médico e loxístico, garantindo seguridade e diversión a partes iguais.

A Carreira Popular de Arteixo non é só unha competición. É unha celebración. Un punto de encontro. Unha historia que se constrúe paso a paso, quilómetro a quilómetro, persoa a persoa. E este 2025, con motivo do seu 25 aniversario, promete ser máis especial ca nunca.