A Carreira Popular de Arteixo tamén é solidaria

Abr 16, 2024

O Banco de Alimentos Rías Altas e a Fundación Stop Leucemia, serán as entidades presentes na proba do 1 de maio.

A Carreira Popular Concello de Arteixo tamén ten o seu compoñente solidario, e por iso colaborará con dúas entidades na vixésimo cuarta edición o próximo 1 de maio.

O Banco de Alimentos Rías Altas é unha organización sen ánimo de lucro, que funciona grazas á colaboración gratuíta de voluntarios cuxo fin é recuperar alimentos excedentes e facelos chegar ás persoas máis desfavorecidas na provincia da Coruña. Foi promovida por un grupo de profesionais xubilados en maio de 2010 como asociación de carácter social sen ánimo de lucro, e declarada ben de utilidade público.

A Fundación Stop Leucemia xorde como unha plataforma dedicada a apoiar a loita científica contra a leucemia e demais tipos de neoplasias hematolóxicas. Para iso, contan cun equipo humano formado por persoas de orixes moi diversas, co que pretenden trasladar aos diferentes actores sociais a necesidade de avanzar nesta dirección e de captar recursos para perseverar con esta loita.

As dúas entidades estarán presentes para divulgar o seu traballo na zona de meta durante o desenvolvemento da carreira, de modo que todas as persoas participantes e o público  presente, poidan coñecelas e colaborar cos seus fins.