A Carreira Popular de Arteixo abre inscricións cun límite de 1.500 participantes

Abr 01, 2026

A Carreira Popular do Concello de Arteixo xa abriu oficialmente o seu prazo de inscricións, iniciando así unha nova conta atrás cara ao 1 de maio, data na que o municipio volverá converterse nun escenario privilexiado para o deporte popular.

As inscricións, totalmente gratuítas, deberán formalizarse a través da web oficial da carreira, https://carreirapopulararteixo.com/, onde tamén se pode consultar toda a información relativa ao evento, incluíndo categorías, horarios e percorridos. O límite máximo está fixado en 1.500 participantes, polo que desde a organización recoméndase non agardar aos últimos días.

A carreira mantén a súa esencia: un evento aberto a todas as idades, con categorías que van desde prebenxamíns ata adultos, e con distancias adaptadas que permiten a participación progresiva dos máis novos.

Pero a Carreira Popular de Arteixo é moito máis que unha competición. O 1 de maio convértese nunha auténtica xornada festiva, na que familias e participantes poden desfrutar dunha mañá completa de lecer e actividade física. Ao redor do Pazo dos Deportes de Arteixo, desenvolveranse propostas como os tradicionais Xogos Populares galegos, circuítos de karts ou actividades de iniciación ao atletismo, creando un espazo dinámico onde o deporte convive co xogo e a diversión. Todo o entorno énchese así de vida, convertendo a carreira nun evento pensado para gozar máis alá do propio dorsal.

Coa apertura de inscricións, Arteixo dá o primeiro paso cara a unha nova edición dunha carreira que segue medrando e que continúa sendo unha das máis queridas polos corredores populares.