Gran nivel e ambiente festivo na 25ª Carreira Popular de Arteixo

Mai 02, 2025

Máis de 600 atletas cruzaron a meta na proba absoluta, con Mikel Ocerín e Penélope Martínez como os máis rápidos

Arteixo, 2 de maio de 2025 — A 25ª edición da Carreira Popular de Arteixo volveu converter as rúas do municipio nunha festa do deporte popular, cunha climatoloxía perfecta para correr, despois de esgotar os dorsais dispoñibles. Na proba raíña, o corredor Mikel Ocerín Vázquez acadou a vitoria cun tempo de 39:24, seguido de David Alonso Nogueira (40:28) e Alejandro Serrano (40:40), que ademais foi o primeiro na categoría de veteranos.

Na categoría feminina, a gañadora foi Penélope Martínez Justo, que detivo o reloxo en 47:40, por diante de Lucía Fariña Díaz (48:12) e Julia López Rebollido (49:25), completando un podio de gran nivel e moi aplaudido polo público.

Máis dun milleiro de participantes cruzaron a liña de meta entre todas as categorías, o que confirma o éxito de participación en todas as franxas de idade, especialmente entre os máis pequenos, onde se rexistraron altas porcentaxes de finalización e un ambiente de auténtica festa.

Unha edición histórica

A celebración do 25 aniversario non defraudou. Vivíronse momentos moi emotivos, con medallas conmemorativas para as categorías menores, un circuíto tradicional que volveu poñer a proba aos e ás atletas máis fieis, e unha organización que elevou o nivel grazas ao traballo dos clubs, do voluntariado e das entidades colaboradoras.

O Concello de Arteixo agradece profundamente a todas as persoas participantes a súa fidelidade e xa pensa na edición de 2026, co listón máis alto ca nunca.

```